Presentación
Despois de dous anos sen vernos presencialmente sentimos a necesidade de reencontrarnos, de escoitarnos e de saber como nos vai e de aí a nosa aposta por arrancar con esta primeira actividade presencial despois de tanto tempo.
Apetécenos reencontrarnos con todas aquelas persoas que xa sodes habituais e saber de vós, e tamén coñecer a aquelas persoas que se asociaron recentemente e saber dos seus intereses, da súa actividade e do que lle podemos achegar. Por suposto, tamén será un bo momento para quen se atope no proceso de formación nunha escola ou para aquelas persoas alleas á Asociación que teñan interese polos enfoques de Terapia Familiar.
Ademais de reencontrarnos, gustaríanos escoitarvos e coñecer o que estades facendo, polo que abrimos un espazo de comunicacións, no que poderás contarnos o teu proxecto, investigación, reflexión… Envíanos a túa proposta indicando título, resumo e duración aproximada antes do 15 de novembro a secretaria@atfmgalicia.gal.
Por mor da situación que estamos a vivir, e dado que a capacidade do Salón de Actos está limitada a 120 persoas por razóns de seguridade, vémonos obrigados/as a cobrar unha cantidade simbólica de 5 euros aos/ás asociados/as que estean ao corrente de pago e tamén para os membros das asociacións federadas de Terapia Familiar.
Para inscribirte, envía un correo electrónico coa ficha de inscrición e o xustificante de pago.
Asemade, nestes XI Encontros celebraremos tamén o 30 aniversario da Asociación de Terapia Familiar e Mediación de Galicia.