Que é a mediación?
En calquera faceta da vida humana pode xurdir, nalgún momento, unha diferenza de posicións entre persoas, grupos, institucións,… que desemboque nun conflito.
A mediación é un proceso no cal un/ha profesional, o/a mediador/a, traballa en colaboración coas partes enfrontadas. A finalidade da mediación é axudar a que as partes cambien a relación entre elas e atopen puntos de acordo que resolvan as diferenzas de cara o futuro.
O eido familiar é un área na que se pode solicitar a intervención dun mediador/a, pois os conflitos poden xurdir en moitos momentos. Un exemplo frecuente é cando unha parella decide poñer fin a convivencia en común e quedan moitos aspectos por resolver, máis se hai menores implicados/as. Outras veces as herdanzas, as estancias dos netos cos avós, entre os irmáns para cando os nosos maiores non poden valerse…
A mediación pode facilitar as cousas acortando os procedementos xudiciais e acadando que os/as protagonistas cheguen a acordos máis axustados e duradeiros non impostos por un terceiro/a (xuíz/a).
Aquí podes consultar o Directorio de mediadores/as familiares que son membros da ATFMG e que figuran inscritos no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia.