Robert Whitaker lidera no seu país o movemento crítico contra a psiquiatría biomédica. Cuestiona en particular a expansión das enfermidades mentais e o papel que desempeñou a prescrición desaforada de psicofármacos promovida desde a psiquiatría oficial académica.
Recibiu diversos premios e recoñecementos na súa carreira profesional polo seu labor como xornalista sobre temas médicos relacionados cos trastornos mentais e a industria farmacéutica, entre eles, finalista do premio Pulitzer en 1998 por unha serie de artigos que co-escribiu para o Boston Globe sobre os abusos da experimentación en pacientes psiquiátricos.
A súa obra Anatomy of an Epidemic foi declarada pola Investigative Reporters and Editors norteamericana como o mellor traballo de xornalismo de investigación de 2010. Acaba de ser publicada en España como “Anatomía de una Epidemia. Medicamentos psiquiátricos y el asombroso aumento de las enfermedades mentales“.
O seu traballo tivo eco a nivel internacional e requíreselle en moitas partes do globo para que realice conferencias explicando os seus descubrimentos. A comunidade de pacientes psiquiátricos recibiu os seus traballos con gran entusiasmo e ansiado alivio.
Robert Whitaker é o responsable da web www.madinamerica.com onde recolle textos moi interesantes sobre estes temas (agora con tradución ao español).