A ATFM de Galicia organiza para o sábado 28 de xaneiro de 2023 o seminario “A merda da ambivalencia: manexo da disonancia en Terapia Breve” co psicólogo e psicoterapeuta Víctor Amat Giménez, a través da plataforma de vídeo conferencia Zoom.
Licenciado na Universidade Ramón Llull de Barcelona, desde o ano 2000 dirixe o centro de Terapia Breve de Barcelona e desde 2008 dirixe o Máster en Psicoterapia Breve na Universidade de Girona. Ten experiencia como supervisor de servizos sociais na Deputación de Barcelona, á vez que é docente na Sociedade Española de Medicina familiar e comunitaria. Colabora con entidades gobernamentais en España, ademais de ser introdutor da psicoterapia breve tanto no ámbito universitario como noutros contextos.
En 2020, Víctor creou a “Escuela PaloBajo”, unha escola de formación de profesionais en liña cuxo nome é un recoñecemento ao MRI de Palo Alto, no cal se xestou, nos afastados anos 60 do século pasado, o modelo de resolución de problemas que desde o ano 2000 Víctor intenta refinar e adoptar para a nosa cultura.
PRESENTACIÓN DO SEMINARIO
Un dos escollos habituais na navegación do/a terapeuta, adoita ser a ambivalencia. Esa situación na que parece que as persoas que nos consultan “queren pero non queren” ou se “autosabotean“. Por fin, en tres horas, podes afondar neste enfoque psicoterapéutico para lograr a colaboración dos sistemas de crenzas en conflito.
Víctor Amat acaba de publicar o seu primeiro libro, Psicología Punk: Contra el pensamiento positivo y naif onde desmonta un a un os mitos do pensamento naif e amósanos que podemos reivindicar as nosas capacidades mentais e aproveitalas ao noso favor, e que, a pesar do paradoxo, o feito de permitirse ser negativo/a lévanos a un estado de benestar.
Na súa faceta de divulgador da psicoloxía, podes atopar a Víctor Amat doadamente nas redes sociais nas súas contas de Instagram, Facebook, Twitter e no seu canal de Youtube.
DATOS DE INTERESE
- Seminario en liña a través da Plataforma Zoom
- Horario: De 9:30 a 12:30 horas (hora española)
- Prezo: Asociados/as, alumnos/as-socios/as, estudantes universitarios/as e desempregados/as 10 €. Colexiados/as do COP de Galicia e de Traballo Social 15 €. Outros/as profesionais: 20 €.
- Prazo: Ata o 24 de xaneiro ou ata completar o aforo (90 prazas).
- Podes facer a inscrición enviándonos un correo electrónico a secretaria@atfmgalicia.com
- Ficha de inscrición editable en documento adxunto.
- Certificaranse 3 horas de formación, válidas para a reacreditación do título de terapeuta familiar e dos diferentes niveis de docencia.