Quen somos

ASOCIACIÓN DE TERAPIA FAMILIAR E MEDIACIÓN DE GALICIA

O desenvolvemento da Terapia Familiar en Galicia está, desde o comezo, vencellada ao Profesor e Catedrático Dr. Emilio Gutiérrez quen, como profesor da materia de Terapia Familiar na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, conseguiu interesar e ilusionar a un bo número de estudantes e profesionais desde a década dos 80.

No ano 1984 o Profesor Emilio Gutiérrez impulsou a creación dun servizo clínico, actualmente denominado “Unidade Venres Clínicos”, para atender as demandas de atención que esporadicamente se producían.

Entre os anos 1989 e 1991 organizou un Curso de Posgrao de Terapia Familiar, fraguándose ao seu remate, a creación dunha Asociación que puidese aglutinar os intereses e inquedanzas de todos aqueles profesionais interesados/as na Terapia Familiar. Así xurdiu a Asociación de Terapia Familiar de Galicia. A primeira Xunta Directiva foi encabezada polo psiquiatra D. Luis Ferrer i Balsebre, acompañado por un grupo inicial de socios/as fundadores.

O interese pola Terapia Familiar en Galicia foi en aumento, e vinte anos despois constátase no incremento do número de socios e socias de diversas titulacións (máis de 200 asociados) e actividades formativas así como na creación de varios Centros de Formación acreditados pola Federación Española de Asociaciones de Terapia Familiar  (FEATF).

Neste camiño, diversos avatares. Entre eles, o cambio de nome, hoxe Asociación de Terapia Familiar e Mediación de Galicia (ATFMG), para dar cabida a novos intereses profesionais.

A Asociación de Terapia Familiar e Mediáción de Galicia ten entre as súas finalidades:

  • Promover o estudo da Terapia Familiar nas súas diferentes orientacións
  • Contribuír á difusión das súas aplicacións
  • Favorecer o intercambio científico entre profesionais con interese común nesta tarefa
  • Formar a estudantes e profesionais con criterios de calidade e excelencia.
  • Acreditar a formación segundo os criterios establecidos pola FEATF.

Para elo a Asociación organiza, promociona e difunde diversas actividades formativas e de actualización como son obradoiros, seminarios, encontros, xornadas e outras actividades de divulgación.

Asemade, a Asociación de Terapia Familiar e Mediación de Galicia desenvolve iniciativas, programas e proxectos para traballar coa Terapia Familiar como foi o Programa de Atención a Familias con problemas cos seus Fillosa través dun convenio coa Consellería de Traballo e Benestar entre os anos 2005-2011.