Que é a Terapia Familiar?
A denominación Terapia Familiar (TF) fai referencia a unha variedade de enfoques psicoterapéuticos que presentan certas variacións na súa praxe pero comparten entre eles unha concepción que, a súa vez, os distinguen doutras orientacións psicoterapéuticas. Non é un formato terapéutico para atender familias ou resolver problemas familiares, senón un marco teórico, unha concepción particular dos problemas humanos, de cómo se forman e de cómo resolvelos; e é aplicable aos diversos problemas en que as persoas se ven envoltas.
O principal elemento definitorio é a conceptualización da conduta humana dentro do sistema interpersoal no que ocorre: en vez de considerala de xeito illado analízase no marco de secuencias comunicacionais que teñen lugar entre as persoas. Por iso a comunicación é outro elemento clave. Nas situacións individuais a consideración de sistema en interacción provén das diversas facetas que conforman a persoa (emocións, sensacións, cognicións, valores,…).
Ao interesarse polos aspectos sistémicos os seus plantexamentos son aplicables tamén en ámbitos non clínicos, como a escola ou a empresa, por exemplo.
Aquí podes atopar o Directorio de psicoterapeutas familiares acreditados/as e o Directorio de gabinetes onde teñen a súa consulta.