A ATFM de Galicia organiza para o sábado 4 de xuño de 2022 o seminario “Escoitando historias, construíndo finais: da Historia Saturada de Problemas á Historia por Vivir “ co psiquiatra e supervisor docente en terapia familiar Ricardo Ramos Gutiérrez, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía en Santiago de Compostela.
Ricardo Ramos Gutiérrez é profesor emérito do Master de Terapia Familiar da Escola de Terapia Familiar, Consultor emérito do Servizo de Psiquiatría e director do Laboratorio de Comunicación Humana da Unidade de Psicoterapia do Hospital de Sant Pau de Barcelona.
Entre as súas publicacións destacamos “Narrativas contadas, narraciones vividas” Ed. Paidós, 2001; “Las Cartas Terapéuticas” Ed. Herder, 2005 (con J. L. Linares e M.ª J. Pubill); “Temas para conversar” Ed. Gedisa, 2008; “Terapia Narrativa con Familias Multiproblemáticas” Ed. Morata, 2015 e “La Selva de los Malos tratos” Ed. Morata, 2021. Escribiu tamén numerosos capítulos e artigos en diversas publicacións profesionais nacionais e internacionais.
Na actualidade dedícase á elaboración dun Modelo Multicéntrico do Cambio que axude ao profesional para orientar as súas intervencións nas Familias Multi-asistidas.
PRESENTACIÓN DO SEMINARIO
A Terapia Narrativa propón que as persoas e as familias teñen, cando acoden á consulta, unha Historia Saturada de Problemas coa que se identifican e pola que son identificados. O tratamento céntrase, apoiado na Externalización do Problema, en buscar un Acontecemento Extraordinario que de pé a unha Historia Alternativa máis respectuosa e abarcadora coa experiencia global e actual do cliente. Ese acontecemento extraordinario pode, aínda que non sempre, situarse no presente.
O Modelo Narrativo-Temático postula que nin as persoas nin as familias teñen unha historia; o que teñen é un pasado. E que non veñen a consulta por el, senón por unha situación pola que están a pasar no seu presente, que lles inquieta porque ninguén sabe como pode acabar, aínda que apunta cara a un final non desexado. E veñen porque queren falar do que lles está pasando.
A historia terapéutica é, pois, a que se constrúe na terapia en base ao que está a ocorrer na vida dos consultantes durante a mesma, ata acadar o mellor final posible para a situación pola que están a atravesar, dadas as circunstancias. Unha historia que da conta dos esforzos dos consultantes, axudados e emprazados polo/a terapeuta, para estar á altura dos requirimentos que lles expón esa situación pola que están a atravesar.
Pero non basta que sexa unha historia sostible e convincente; fai falta que sexa sostida e que convenza. Unha historia terapéutica non pode ser unha historia privada; necesita crearse un Público. A este aspecto dedicarase a primeira parte do seminario.
A Terapia Narrativa clásica desenvolveu procedementos para promover/convocar un público. Basicamente a comunicación escrita, as Conversacións de Remembranza e os Grupos de Testemuño, que se dirixen preferentemente a membros do sistema natural da persoa consultante.
O Modelo Narrativo-Temático ocupouse tamén de ter presente ás redes profesionais que atenden simultaneamente aos clientes e que conforman o que se chamou o Sistema Determinado polo Problema.
Para tratar de influír neste contexto cómpre afondar nas dinámicas que lastran a cooperación da rede profesional implicada, a fin de aumentar a súa sensibilidade e a súa disposición ao cambio. Propoñemos o concepto de Caso e de Reconfiguración do mesmo que reclaman unha Concepción Multicéntrica do Cambio.
Nesta concepción o cambio prodúcese non pola concertación pactada de futuras intervencións a desenvolver por distintos profesionais, senón pola converxencia presente de intervencións autónomas de distintos profesionais, ante un acontecemento que os leva, polo menos a algúns deles, a reconsiderar a idea que teñen da situación na que están a intervir.
Postulamos que unha dimensión importante da acción do terapeuta é identificar estes acontecementos e promover as converxencias con outros profesionais que se poidan derivar dos mesmos.
A estas dinámicas e estratexias dedicarase a segunda parte do seminario tamén, como a primeira, sustentada en exemplos clínicos presentados e discutidos co público asistente.
DATOS DE INTERESE:
- Seminario presencial: Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía en Santiago de Compostela
- Horario: De 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas
- Prezo:
- Asociados/as, alumnos/as-socios/as, estudantes universitarios/as e desempregados/as 30 €.
- Colexiados/as do COP de Galicia e de Traballo Social 40 €.
- Outros/as profesionais: 60 €.
- Prazo: Ata o 26 de maio ou ata completar a capacidade de 100 prazas.
- Podes facer a inscrición enviándonos un correo electrónico a secretaria@atfmgalicia.com
- Ficha de inscrición editable en documento adxunto.
- Certificaranse 8 horas de formación, válidas para a reacreditación do título de terapeuta familiar e dos diferentes niveis de docencia.