Cantos metros nos atrevemos a mergullarnos? As emocións no espazo terapéutico

Mar 26, 2023 | ATFMG, Seminarios

SEMINARIO CANCELADO

Informamos que debido á falta de inscricions, a xunta directiva vese obrigada a cancelar o seminario que tiñamos programado para o sábado 13 de maio, xa que non podemos garantir a calidade do seminario nin o éxito do mesmo se non se conta cun número suficiente de asistentes e polas características do mesmo non se pode facer en modalidade en liña.

A ATFM de Galicia organiza para o sábado 13 de maio de 2023 o seminario “Cantos metros nos atrevemos a mergullarnos? As emocións no espazo terapéutico” co psicólogo clínico e supervisor docente Jorge J. Gil Tadeo, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía en Santiago de Compostela.

Jorge Gil é psicólogo clínico, psicoterapeuta familiar e supervisor docente. Formado en adiccións tanto en Italia como en España, complementou a súa formación como terapeuta Biogestaltista.

Con ampla experiencia en diferentes contextos de traballo con adiccións, desenvolveu a súa actividade profesional entre 1989 e 2003 como director-coordinador do Centro de Drogodependencias do Proyecto Hombre en Canarias.

Desde 2003 traballa en consulta privada, nos últimos anos especializándose en terapia de parellas, á vez que impartiu formación en España e no estranxeiro.

Foi presidente da Asociación Canaria de Terapia Familiar e secretario da Federación Española de Asociaciones de Terapia Familiar entre 2015 e 2019. Na actualidade é o director do Instituto Atlántico de Terapia Familiar.

PRESENTACIÓN DO SEMINARIO

O tema que abordaremos durante o seminario será a Terapia Focalizada nas Emocións, un modelo de psicoterapia que se centra nas emocións como unha parte fundamental da experiencia humana para facilitar unha maior comprensión e conexión emocional entre as persoas implicadas nos problemas emocionais e de relación. A través da identificación e expresión das emocións, a EFT trata de construír habilidades de comunicación efectiva e manexo de conflitos para mellorar a calidade das relacións interpersoais.

Nas diferentes abordaxes psicoterapéuticas e en concreto desde a psicoterapia sistémica relacional é absolutamente necesario traballar e saber manexar os tres centros do Ser á hora de tentar xestionar os conflitos relacionais. Habitualmente se traballa desde o centro intelectual e a proposta con esta formación é profundar no traballo con e desde o centro emocional sen esquecer o centro corporal, de forma que fagamos unha abordaxe holística do ser e dos sistemas cos que traballamos.

OBXECTIVOS DO SEMINARIO

  1. Achegarnos ao traballo coas emocións no espazo terapéutico, desde o modelo da Terapia Focalizada nas Emocións (EFT).
  2. Practicar algunhas ferramentas que nos axuden a profundar no eido emocional das persoas demandantes (a título individual, como parella ou familia).

DATOS DE INTERESE

  • Seminario presencial
  • Horario: De 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas
  • Prezo: Asociados/as, alumnos/as-socios/as, estudantes universitarios/as e desempregados/as 30 €. Colexiados/as do COP de Galicia e de Traballo Social 40 €. Outros/as profesionais: 50 €.
  • Prazo: Ata o 9 de maio ou ata completar a capacidade (100 prazas).
  • Podes facer a inscrición enviándonos un correo electrónico a secretaria@atfmgalicia.gal
  • Ficha de inscrición editable en documento adxunto.
  • Certificaranse 7 horas de formación, válidas para a reacreditación do título de terapeuta familiar e dos diferentes niveis de docencia.

INTERESE SANITARIO

O seminario conta co recoñecemento de interese sanitario para actos de carácter científico pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Nº de expediente: SA301A 2023/8-1