Obradoiro Unha ollada apreciativa na intervención comunitaria

A Asociación de Terapia Familiar e Mediación de Galicia organiza para o día 22 de febreiro de 2014 o Obradoiro "Unha ollada apreciativa na intervención comunitaria"  coas psicólogas Carolina Martín Vázquez  e  Dácil J. Baute Hidalgo,  dende o modelo de Intervención Sistémica Breve.

Neste obradoiro teremos unha conversa entre todos os participantes, na que poderemos experimentar e reflexionar sobre metodoloxías de traballo grupais, especialmente, a Indagación Apreciativa nos contextos comunitarios e educativos.

  • Lugar: Sede da Asociación na Picaraña (Padrón)

  • Horario: De 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 20.00 h (acreditaranse 8 horas de formación)

  • Prezo: Asociados, alumnos-socios, esudantes universitarios/as e desempregados 30 €. Resto: 60 €.

  • Descarga a ficha de inscrición dende aquí.

OBXECTIVOS

  • Coñecer a Indagación Apreciativa como unha filosofía-metodoloxía que favorece o traballo grupal.
  • Adquirir recursos e habilidades que favorezan a posta en marcha da Indagación Apreciativa e fomenten a cohesión grupal e o deseño e desenvolvemento de proxectos comunitarios.
  • Coñecer contextos e proxectos comunitarios e educativos onde se aplica esta metodoloxía.

CONTIDOS
 

  • Contextualización dos proxectos: “Xuntos na mesma dirección” (promovido dende a Área de Acción Exterior do Cabildo de Tenerife coa colaboración do Observatprop da Inmigración de Tenerife OBITen) e “Barrios polo Emprego” (xestionado pola Fundación Xeral da Universidade de La Laguna co financiamento do Servizo Canario de Emprego, o Cabildo Insular de Tenerife e o Concello de San Cristóbal de La Laguna.).
  • Unha experiencia de indagación apreciativa na escola.
  • Principios filosóficos, ferramentas e fases da indagación apreciativa. 
  • Resultados da experiencia nos proxectos.
  • Avaliación do obradoiro

METODOLOXÍA

O habitual cando se prepara calquera curso ou obradoiro de calquera tema é plantexarse uns obxectivos, uns contidos, unha metodoloxía... Así foi como organizamos nun primeiro intre, este obradoiro sobre a Indagación Apreciativa, aplicada ao traballo comunitario, e así é como está expresado no programa do mesmo. Non obstante, seguindo os propios principios deste modelo, pensamos en aplicar outra metodoloxía diferente, na que os propios participantes poidan decidir os obxectivos e os contidos do obradoiro, partindo das súas propias experiencias e favorecendo unha aprendizaxe significativa, vivencial e colaborativa. Deste xeito, os participantes viviran en primeira persoa o contido obxecto deste obradoiro, para despois facer unha meta-análise do experimentado, ver algúns exemplos de experiencias nas que se utilizou esta metodoloxía en contextos comunitarios e educativos e, a partires de extraer as claves para aplicar este proceso á realidade profesional de cada un/ha.

A metodoloxía utilizada para este obradoiro será, por tanto, a do modelo de Indagación Apreciativa. Este modelo ten moitísimas cousas en común co Modelo sistémico Breve, e tamén algunhas diferenzas. Máis concretamente podemos dicir que a Indagación Apreciativa (IA) e, en primeiro lugar, unha filosofía actitude ou forma de entender as relacións humanas e as relacións grupais e, en segundo lugar, esta actitude ou metodoloxía transformase nunha metodoloxía que está ao servizo dos grupos e organizacións para axudar a provocar cambios constantes e transformación con miras a que estas acaden o máximo do seu potencial, logren os seus obxectivos e acaden as súas metas, ao tempo que as persoas se sintan máis satisfeitas e realizadas. 

Esta filosofía e metodoloxía pode utilizarse, por tanto, no contexto de calquera organización ou grupo de persoas que están traballando xuntas para lograr obxectivos comúns: empresas privadas (grandes ou pequenas), asociacións públicas, escolas e universidades, concellos, entidades oficiais, hospitais, organizacións comunitarias e de servizos sociais, grupos formais, grupos informais... É aplicable tanto a macro proxectos, onde estean involucradas moitas entidades sociais, como a micro proxectos, onde participan un grupo de persoas. 

Un grupo de traballo, un obradoiro, un curso, ou calquera acción de ensinanza - aprendizaxe pode entenderse tamén como un espazo onde un grupo de persoas teñen un obxectivo común: aprender daquelo sobre o que trata o curso ou obradoiro. É por isto polo que temos elixido a IA como metodoloxía para a realización deste obradoiro.